Abril estrea a programación da aula CeMIT de Ponteareas xogando coas TICs

Móbiles, streaming, lecer en internet ou ofimática protagonizan a programación da aula CeMIT no arranque do novo ano

A veciñanza poderá participar durante este mes en obradoiros de memoria, informática ou correo electrónico

Haberá nova actividade do Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do benestar físico e mental entre as persoas maiores

En aula CeMIT de Ponteareas prepara para o mes de abril unha ampla programación de cursos e actividades no que as novas tecnoloxías serán protagonistas. O mes estrearase ‘Xogando coas TICs’, unha actividade aberta a todos os públicos pero deseñada especialmente para goce da mocidade durante a Semana Santa. A actividade desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril de 16.00 a 21.00 horas.

Outra das propostas para este abril será un curso de informática con dous niveis diferentes. No nivel I as clases impartiranse luns e mércores do 10 ao 26 de abril de 16.00 a 19.00 horas, mentres que as do nivel II serán os martes e xoves dende o 11 ao 27 de abril tamén en horario de 16.00 a 19.00 horas.

Tras Semana Santa a aula CeMIT acollerá un obradoiro de memoria do 10 ao 13 de abril de 19.00 a 21.00 horas, mentres que do día 17 ao 27 se impartirá un curso de correo electrónico nese mesmo horario.

Unha das propostas para este mes é unha nova actividade do Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental. O seu obxectivo é promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudábeis. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela. Desenvolverase os venres 14 e 21 de abril de 16.00 a 19.00 horas.

Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsábel e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os venres de abril de 19.00 a 21.00 horas.