Aberto o proceso de solicitude de praza na Escola Infantil Municipal de Ponteareas

 

As familias poderán consultar a documentación necesaria e descargar o impreso para a solicitude na web do Concello

 

A Escola Infantil Municipal de Ponteareas xa ten aberto o seu proceso de admisión de alumnado para o vindeiro curso 2022/23. O prazo de presentación de solicitudes por parte das familias con fillos e fillas nados a partir do 1 de xaneiro de 2020 rematará o vindeiro 29 de abril. Poderase solicitar praza no centro para todas aquelas nenas e nenos de entre 3 meses e 3 anos de idade.

 

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, lembra que, ao ser unha escola de integración, pódese solicitar praza para nenos e nenas con discapacidade física, psíquica e sensorial. Neste caso, despois dunha valoración técnica poderase prorrogar a permanencia dos cativos e cativas durante un ano máis, fóra dos límites de idade establecidos polo centro.

 

A edil informa ás familias de que poderán consultar toda a documentación necesaria e descargar o impreso para cursar a solicitude na propia web do Concello. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de forma telemática, preferiblemente, ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello.

 

As familias interesadas tamén poderán recoller os formularios necesarios na propia Escola Infantil Municipal  de 09.00 a 14.00 horas, sempre con cita previa telefónica que se poderá solicitar no 986661197. Neste mesmo número poderán realizarse consultas telefónicas para resolver dúbidas no mesmo horario de atención ao público.