Aberto o prazo para suxestións ao borrador de ordenanza contra a contaminación acústica

Continua o proceso iniciado a comezos de setembro para dispor dunha nova ordenanza antes de fin de ano

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, responsábel das políticas de convivencia cidadá, informou que xa está exposto ao público na web municipal o borrador de ordenanza contra a contaminación acústica para suxestións. Despois dun proceso previo de participación xenérico, que rematou a pasada semana e no que se recibiron diferentes aportacións veciñais, ábrese agora unha segunda fase participativa na que a veciñanza poderá pronunciarse sobre unha proposta concreta de ordenanza. Dita proposta ten como base o modelo de ordenanza aprobado pola Xunta de Galicia e a intención do goberno local é adaptala ás necesidades de Ponteareas.

O prazo para suxestións remata o día 25 de outubro e desde o Concello remitirase copia da proposta de ordenanza a hostaleiros e comerciantes, ás empresas de construción, aos colectivos sociais veciñais e aos ambientalistas, aos grupos políticos, ás actividades que producen ruídos (como a concesionaria da recollida de lixo ou os supermercados con actividade de carga e descarga de mercadorías), a profesionais da avogacía, da enxeñería industrial e da arquitectura con despacho en Ponteareas

A actual ordenanza municipal data de 1997 e está na práctica derrogada ao non axustarse á normativa de ruidos estatal e autonómica actualmente vixente. A intención do goberno local é que Ponteareas conte antes de finalizar o ano cunha nova ordenanza de ruídos que dea solución a un problema que afecta a unha parte importante da poboación.

O borrador pode consultarse xa na pestaña participación cidadá da páxina web ou directamente clikando nesta ligazón https://ponteareas.gal/participacion-cidada/