A concelleira de Deportes presentou aos clubs as novas bases que reforzan o apoio ao deporte feminino e premian aos clubs que asuman máis esforzos
A concelleira de Deportes, Nahir Covelo, reuníuse cos clubs deportivos para presentar xunto ao alcalde Xosé Represas e xunto ao concelleiro de Bo Goberno Roberto Mera as as novidades das bases das axudas para este colectivo.
O goberno de Ponteareas repartirá un total de 50.000€ entre as agrupacións locais co obxectivo de fomentar o deporte e apoiar o esforzo dos clubs.
As agrupacións deportivas poderán presentar a súa solicitude ata o venres día 1 de novembro.
Nahir Covelo adianta que a convocatoria deste ano valorará positivamente a aqueles clubs que teñan que facer un maior esforzo tanto económico como organizativo.
Outra das principais novidades é o apoio ao deporte feminino. A concelleira duplica a puntuación en relación á convocatoria do ano pasado para aqueles clubs exclusivamente femininos. Tamén se valoran máis aqueles clubs que teñen persoal cualificado contratado e a organización de eventos deportivos que invirtan esforzos en buscar apoios externos de reforzo. As bases tamén premian a aqueles clubs que manteñen instalacións propias.
No encontro a concelleira tamén puxo enriba da mesa as liñas a seguir nos vindeiros anos nos que se vai facer unha avaliación dos eventos deportivos, convocar unha subvención e dende o punto de vista organizativo farase un estudo das instalacións deportivas municipais co obxectivo de optimizar os recursos e infraestruturas.