Aberto o prazo para inscribirse no Circuito Cultural Municipal

A concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Hortensia Baustista,informa que pon en marcha o “circuito cultural municipal 2019”, unha iniciativa que pretende impulsar e fomentar a cultura popular en lingua galega nas múltiples e variadas expresións artísticas.

A concellería traballará en colaboración coas asociacións culturais e veciñais que acollerán as actuacións financiadas na súa totalidade por esta concellería que retribuirá ás agrupacións musicais e de teatro por cada actuación realizada ao longo do ano 2019 no concello de Ponteareas.

Ata o 31 de marzo estará aberto o prazo para que todas as agrupacións corais, orquestras de cámara, grupos de gaita ou música tradicional, folclóricos, pandeireteiras, de teatro, de playback ou baile moderno, ranchos de reis, escolas de música, charangas e grupos de rock, metal, corda, madeira, tercetos, entre outros estilos poidan inscribirse no catálogo que a concellería publicará na páxina web do concello para que as asociacións culturais ou veciñais poidan consultalo e solicitar as actuacións.

As agrupacións interesadas en formar parte deste catálogo deberán presentarse obligatoriamente a través da sede electrónica do concello https://ponteareas.sedelectronica.gal/info.0

As solicitudes formalizaránse conforme ao modelo que se facilitará no departamento de cultura ou na web na seguinte ligazón da pestaña servizos/cultural https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/