Aberto o prazo para a renovación e solicitude de postos de venda ambulante en Ponteareas

fotografía de arquivo

Até o día 15 de decembro permanecerá aberto o prazo para a renovación das autorizacións de venda ambulante en feiras e mercados de Ponteareas. Dentro dese mesmo prazo poderanse realizar as solicitudes para obter a autorización para a adxudicación dos postos que queden vacantes.

 

Os formularios para realizar as solicitudes así como a información cos requisitos a cumprir para obter a renovación ou unha nova autorización están dispoñibeis na páxina web do Concello no apartado de formularios/venda ambulante  http://ponteareas.gal/tramites-e-impresos/venda-ambulante/ ou na Oficina de Atención e Información Cidadá situada na planta baixa do Concello.

 

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, informou que o executivo local ten ultimada unha nova ordenanza de venda ambulante que suporá unha mellora na súa regulación e unha simplificación dos trámites a realizar. A previsión do goberno local é aprobala durante o primeiro trimestre de 2021 e reforzar os labores de inspección e control da actividade durante o vindeiro ano para evitar infraccións e competencia desleal.

 

Na actualidade o concello oferta preto de 150 postos de venda ambulante nos mercados e feiras dos sábados e días 14 de cada mes, que abranguen produtos que van desde a alimentación ou plantas até calzado, téxtil ou complementos.

 

Nos últimos meses, como consecuencia da crise sanitaria e de obras como as da humanización da Praza de Bugallal, unha parte importante dos postos foron recolocados provisionalmente nas rúas Concha Brey, A Estrada, Morales Hidalgo e Fernández Vega. Nestes intres, e desde hai varias semanas, a venda ambulante está suspendida, agás para os produtos de alimentación e agrícolas, pola elevada incidencia de contaxios de Covid19 na localidade e á espera de que a situación mellore.