Aberto o prazo de licitación das obras de mellora enerxética do conservatorio municipal

A concellería de Ensino que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández informa que ata o día 26 de agosto ás 13:00 horas todas as empresas interesadas poderán presentarse ao concurso para as obras de mellora de eficiencia enerxética do conservatorio municipal Reveriano Soutullo.

Este proxecto, que ten un orzamento de licitación de 390.916,08€ (ive incluído), enmárcase dentro da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” que conta co apoio da Unión Europea a través dos fondos de Desenvolvemento Rexional. O concello de Ponteareas aportará con fondos propios 123.993,77€ e a Unión Europea 266.922,31€ .

Entre os aspectos que se valorarán está a redución do impacto na execución das obras no normal desenvolvemento da actividade escolar para que a actividade lectiva siga o seu normal desenvolvemento.

O proxecto contempla o cambio completo da cuberta, a substitución de ventanais, a insonorización dalgunhas aulas e limpeza, arranxos e impermeabilización das paredes exteriores, entre outras accións que repercutirán no aforro enerxético, en dar un paso máis na contribución da protección medio ambiental e que suporán ofrecer á comunidade educativa un espazo de maior comodidade e calidade.