Aberta a inscrición para os exames de lingua galega para obter os certificados Celga

O prazo remata o vindeiro 30 de setembro. As probas serán a partir de novembro en Santiago de Compostela e Ponferrada

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas informa da apertura dunha nova convocatoria de probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4, convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Os exames para a obtención dos certificados oficiais acreditativos dos distintos niveis de coñecemento de lingua galega terán lugar na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2022 en Santiago de Compostela e en Ponferrada. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude e aboar as taxas correspondentes, que se dirixirá á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de inscrición nas probas remata o vindeiro venres 30 de setembro. Todas as persoas interesadas en presentarse e que precisen información poden solicitala no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán os detalles e asesoramento necesarios.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a presentarse a estas probas, que presentan “unha grande oportunidade para obter un título imprescindíbel para acceder a un proceso de oposición en Galicia”.