Aberta a convocatoria de exames para a obtención dos certificados de lingua galega Celga

Todas as probas realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada

O Concello de Ponteareas informa da apertura dunha nova convocatoria de exames para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Todas as probas para a obtención destes certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada. As persoas interesadas poderán inscribirse cubrindo un formulario de solicitude e aboando as taxas correspondentes, que se dirixirá á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os exames dos distintos niveis terán lugar entre maio e xuño do 2023, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como no Portal da Lingua Galega. O prazo de inscrición nas probas remata o vindeiro luns 27 de marzo.

Todas as persoas que estean interesadas e precisen coñecer máis detalles sobre as probas poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde se lles facilitará información detallada. O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a todas e todos os ponteareáns que o precisen a presentarse a esta nova convocatoria que “supón unha grande oportunidade para obter un título imprescindíbel para acceder, por exemplo, a un proceso de oposición en Galicia”.