A Xunta mantén o peche perimetral en Ponteareas, que baixa a nivel medio-alto, e realiza cribado a comercio e hostalaría

Este martes o número de casos activos sitúase en 43

A Xunta vén de comunicar ao Concello de Ponteareas a nova situación sanitaria tras a xuntanza do comité clínico da Consellería de Sanidade. Neste martes, o número de casos sitúase en 43.

Tal como establecen as normas da Xunta, a localidade debe manter o peche perimetral, pero baixa a nivel medio-alto, o que supón a posibilidade de apertura da hostalaría cun aforo interior dun 30%, podendo estar aberta ata as 18 horas. O aforo en terrazas continúa a ser do 50%, e os grupos non poden superar as catro persoas. Estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste mércores, tras publicárense no Diario Oficial de Galicia.

Ante a insistencia da concelleira de saúde e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, para a realización dun cribado na localidade, a Xunta autorizou ao Concello a facilitar unha listaxe de persoas voluntarias para asistir ao Hospital Álvaro Cunqueiro a realizar un cribado por sectores. Fdez. Davila sinalou que “o primeiro cribado realizarase entre traballadoras e traballadores do comercio, hostalaría, Praza de Abastos e persoal municipal, xa que todas elas son persoas que maioritariamente traballan con atención ao público e contactan a diario cun amplo número de persoas.” A alcaldesa en funcións informou que “continuaranse elaborando listaxes doutros sectores para realizar as PCR en seguintes fases nas vindeiras semanas, cumprindo así as limitacións que nos marca a Xunta”.

Neste sentido, a concellería de Promoción Económica que dirixe Eva Gil, facilita un formulario (https://ponteareas.gal/cribado-para-comercio-e-hostalaria/) para que ditas traballadoras e traballadores poidan anotarse antes do luns 28 de decembro. A continuación, o Concello transmitirá estes datos ao Sergas para que contacten con cada persoa e a convoquen para a realización da PCR.

 

Así mesmo, o goberno local pon a disposición de comercio e hostalaría un enderezo electrónico (promocioneconomica@ponteareas.gal) e un teléfono de contacto (673855422) para poder solucionar calquera dúbida.