A Xunta confirma a idoneidade do terreo analizado co Concello para o futuro Centro de Saúde

A Xunta confirma a idoneidade do terreo analizado co Concello para o futuro Centro de Saúde

 

A Unidade Técnica da Consellaría de Sanidade confirmou ao Concello de Ponteareas a idoneidade do terreo analizado recentemente cos responsábeis municipais para situar nel o futuro Centro de Saúde da localidade.

 

O terreo está localizado ao pé da N-120, entre as saídas da rúa Castañal e Paseo Matutino, no perímetro do centro urbano, moi próximo á estación de autobuses, e grazas ao PXOM a súa adquisición non terá custo ningún para o Concello.

 

A confirmación da idoneidade por parte dos técnicos da Xunta era o paso previo ao inicio por parte do Concello dos trámites urbanísticos correspondentes para avanzar na adquisición do terreo e a súa posta a disposición da Xunta de Galicia.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, salientaron o “diálogo fluído aberto coa Consellaría dende que esta atendeu a petición do Concello de enviar ao seu persoal técnico para estudar opcións e avanzar no obxectivo de dotar a Ponteareas dun novo Centro de Saúde”. A alcaldesa informou ao conselleiro de Sanidade do inicio dos trámites para ceder o terreo e lembroulle unha vez máis que “ao tempo que avanzamos no novo Centro de Saúde, a Consellaría debe resolver con urxencia os graves problemas que soporta na actualidade o actual Centro e a sanidade pública en Ponteareas e a comarca”.