A Xunta comprométese a crear unha comisión de traballo para abordar o traspaso de competencia da Residencia de Maiores Santa Ana

O encontro mantido co conselleiro de Política Social tamén permitiu confirmar o financiamento por parte da Administración Autonómica da construción da Escola Infantil unha vez estea aprobado definitivamente o PXOM

reunións-rey-varelaXosé Represas, alcalde de Ponteareas, Verónica Carrera, concelleira de Benestar Social e Igualdade, e Chus Garrote, primeira tenente de alcaldía, mantiveron un encontro co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

A xuntanza tivo lugar na tarde do pasado xoves, 4 de febreiro, e serviu para tratar, entre outras, dúas cuestións fundamentais para futuro próximo de Ponteareas. A primeira delas ten que ver coa creación dunha comisión de traballo para abordar o traspaso da competencia da Residencia de Maiores Santa á Xunta de Galicia.

A comisión estará formada por técnicos do Concello de Ponteareas, actual xestor da Residencia, e da propia Xunta de Galicia, ademais dos correspondentes responsables políticos, entre eles a edil ponteareá de Benestar Social, Verónica Carrera.

Trátase “do primeiro paso para que Concello deixe de asumir unha competencia impropia, cos gastos que iso supón, despois de que durante moitos anos non se movera un dedo para tentar corrixir a situación”, asegurou Represas.

Compromiso coa Escola Infantil 

Rey Varela tamén manifestou o compromiso da Consellería de Política Social no que se refire ao financiamento da construción da nova Escola Infantil que se situará na rúa Trobador Xoán García de Guillade toda vez que o PXOM, aprobado provisionalmente no pleno municipal o pasado martes 2 de febreiro, sexa ratificado pola propia Xunta de Galicia.

A aprobación definitiva permitirá poñer a parcela dotacional prevista para esta instalación á disposición da Xunta de Galicia e avanzar na sinatura do convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Ponteareas conta “con case 900 nenos e nenas entre 0 e 3 anos, polo que a posta en marcha desta Escola Infantil é absolutamente primordial”.