A Xunta advertíu 8 veces ao alcalde do Partido Popular en Ponteareas da ilegalidade da ampliación da Escola Infantil que custou 320.000 euros

Por iniciativa do bipartito da Xunta se lle esixíu unha solución sete veces en tres anos. A Xunta presidida por Feijoo recordoullo en 2012

O Concello de Ponteareas, na obriga de informar á veciñanza da xestión do seu Concello, revela novos datos sobre a actuación do goberno de González Solla (PP) e da Xunta en relación coas deficiencias da Escola Infantil. Segundo o executivo local no expediente da ampliación do centro figuran até 7 inspeccións e requirimentos realizados pola Xunta ao goberno de González Solla entre 2006 e 2009 advertindo de innumerabeis deficiencias e da falta de autorización para a ampliación da escola con dúas aulas novas. Esa ampliación feita no 2006 tivo un custo de 320.000 euros. Dase a circunstancia de que todas esas inspeccións e requirimentos foron impulsados polo bipartito da Xunta e pola Vicepresidencia da Xunta que naquel entón dirixía Anxo Quintana. Entre as deficiencias detectadas atópanse problemas de accesibilidade, riscos en materia de seguridade como portas estreitas, ausencia de extintores, de sinalización e de planos para evacuacións, falta de vidros de seguridade, riscos de atrapamento en varandas de escaleiras, necesidade de detectores de fumes e proteccións en enchufes e radiadores, con risco de queimaduras, problemas de ventilación, humidades e frío, ou necesidade de cambio da carpintería exterior.

 

En 2009 producíuse o cambio de goberno na Xunta coa entrada de Núñez Feijoo e a maioría das deficiencias mantivéronse, ao igual que as dúas aulas que carecían de autorización para o seu funcionamento. Até o ano 2012 o goberno do PP na Xunta non realiza ningunha nova inspección. Nese ano 2012 a Xunta lembra ao goberno de González Solla que as dúas aulas non están autorizadas e deben ser legalizadas con obras de adaptación. En 2013, sete anos despois da primeira inspección da Xunta, o goberno municipal do PP contrata externamente un proxecto para reformar a ampliación e adaptala á normativa. E en 2014 a propia Xunta resposta ao Concello e ao Alcalde González Solla que ese proxecto, lamentabelmente, non é válido.

 

Así pois, o goberno presidido por González Solla realizou en 2006 unha ampliación da Escola Infantil cun custo de 320.000 euros infrinxindo a normativa. O bipartito da Xunta non autorizou esas aulas e durante tres anos advertíu a González Solla da súa ilegalidade e de graves deficiencias no centro educativo. O daquela alcalde continuou

presidindo o Concello até o ano 2015 sen resolver a situación, co beneplácito da Xunta que non abríu ningún expediente sancionador.

 

O actual goberno municipal adiantou que continua recabando “máis información para esclarecer e depurar as responsabilidades nun asunto con graves prexuizos económicos e sociais para o Concello de Ponteareas”.