A xente miúda de Ponteareas gozará coas aventuras dos animados “Bolechas”

O domingo, día 25 de outubro, os máis cativos e as súas familias poderán gozar do espectáculo “Os Bolechas e a máquina do tempo” de xeito totalmente gratuíto no Auditorio Reveriano Soutullo

CARTAZ BOLECHASO domingo, día 25 de outubro, ás 18 horas, o Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas acollerá o espectáculo “ Os Bolechas e a máquina do tempo”, de xeito gratuíto e libre ata completar a capacidade da sala.

‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista dirixido, especialmente, a cativos de 4 a 8 anos de idade. Desta volta, os irmáns Bolechas e mailo seu inseparable canciño Chispa atopan un aparello que os teletransportará ao futuro, converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco dono da máquina- será quen os guíe por diferentes etapas da historia.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, Tatá e o inseparable Chispa -logo de deixaren atrás o Sabichón- atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro e os converterá en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco propietario da mesma- guiará os irmáns nun percorrido para coñeceren as diferentes etapas da Historia, e no que precisarán a inestimable axuda do público para regresaren ao presente.

Este espectáculo, xestionado dende a concellería de Cultura que dirixe Hortensia Bautista, chega a Ponteareas grazas á participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.