A unidade móbil de doazón de sangue visitará o 30 e 31 de xullo en Ponteareas

A unidade móbil de doazón de sangue visitará o 30 e 31 de xullo en PonteareasXa se pode pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

 

A concellaría de Saúde, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, informa que a unidade móbil de doazón de sangue estará de novo en Ponteareas os vindeiros 30 e 31 de xullo.

 

O autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará situado na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello, o venres 30 de 10.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00 horas, mentres que o sábado 31 o horario será de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

 

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

 

Cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade, “polo que a nosa colaboración é fundamental. Investindo tan só 10 minutos da nosa vida podemos axudar a salvar a doutras persoas”, salientou Fernández Davila.