A unidade móbil de doazón de sangue estará en Ponteareas este 11 e 12 de novembro

As persoas interesadas en acudir a doar poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

Ponteareas acolle esta semana dúas novas xornadas para doazón de sangue. A concellaría de Saúde, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, informa que a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na vila o venres 11 e o sábado 12 de novembro para todas as persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.  

O autobús estará situado na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello, en diferentes horarios. O día 11 as persoas interesadas poderán acudir a doar sangue en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o día 12 poderán ir de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

Cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade.