A Travesía Vila do Tea volve a Ponteareas

Prensentación Vila do Tea

O Concello pon en valor o “grande esforzo” do Club de Natación Ponteareas para organizar un evento “moi importante” para o muncipio

 

A Travesía Vila do Tea presentou hoxe a súa quinta edición no Concello de Ponteareas. Os nadadores e nadadoras volverán ao verán do municipio o próximo día 14 de agosto, despois de que a edición do ano pasado tivera que ser suspendida por mor da COVID. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, destacou o “grande esforzo” do Club de Natación Ponteareas para organizar un evento “moi importante” para o municipio. 

 

O presidente do Club, Andrés Carrera, informou que nesta edición a travesía conta con varias novidades importantes. Ademais das habituais competicións de nadadores e nadadoras profesionais, non profesionais, e de categorías inferiores, este ano será a primeira vez que a travesía conte con deportistas con diversidade. “Un gran paso para facer esta competición máis accesible”, destacou.

 

“A organización desta Travesía foi moi difícil, pero a facemos de forma segura e cun protocolo moi traballado”, afirmou o vicepresidente do Club. A xornada contará con varias medidas de prevención da COVID. Todo o traballo dos organizadores supón para o concelleiro Miguel Bouzó un “orgullo que demostra que o deporte é seguro”, e “ratifica a Ponteareas como unha potencia no aspecto deportivo”. 

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, reiterou durante a presentación do acto os seus “parabéns” ao Club pola súa gran labor deportiva no municipio. Afirmou que “proxectos como este sempre terán cabida en Ponteareas porque poñen en valor o concello e reactivan a economía”. 

 

A Travesía Vila do Tea será a que abra o Circuíto Galego de Augas Abertas que organiza a Federación Galega de Natación, e que este ano soamente conta con tres probas. “Feito que fai aínda máis destacado a labor do Club de Natación de Ponteareas”, afirmou o representante da Federación, Cristián Fernández.

 

Xa hai máis de 100 nadadores e nadadoras inscritas, pero aínda quedan prazas. A data límite para poder participar acaba o 11 de agosto. O Club porá en marcha unha retransmisión en “streaming” para que ninguén se quede sen poder desfrutar da Travesía. 

 

Na presentación tamén estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que destacou que a Travesía pon en valor os “grandes contornas” que hai en Galicia para desenvolver estas actividades. Ao tempo, que afirmou que o deporte tamén ten a capacidade de atraer turismo.