A rúa Morales Hidalgo córtase ao tráfico polas obras no Mercado e Auditorio

A concellaría de Mobilidade e Tráfico vén de informar do corte á circulación de vehículos na rúa Morales Hidalgo a partires do vindeiro luns día 9, como consecuencia das obras que se están executando na rúa Doutor Fernández Vega entre o Auditorio e o Mercado Municipal.

O corte ao tráfico, que durará aproximadamente dúas semanas, realizarase na entrada a Morales Hidalgo na Praza de Bugallal e o acceso a dita rúa estará autorizado unicamente para residentes e servizos. Esta restrición afectará tamén a rúa Doutor Fernández Vega, República Arxentina, un tramo da rúa Esperanza e Ferreiros que até agora accedían desde Morales Hidalgo. O acceso a esas rúas durante a execución da obra deberá facerse pola rúa do Baratillo ou por Santa Ana, Praza Maior e A Calexa. Nestas últimas, atendendo a que a Praza Maior ten restrinxido o tráfico polas tardes, permitirase o paso unicamente para os residentes da zona afectada polas obras. A saída deberá efectuarse pola rúa Ferreiros.

A concellaría pide comprensión e desculpas polas molestias, inevitabeis na execución de obras na vía pública, e informa que para calquera consulta ou incidencia está dispoñíbel a Policía Local no teléfono 986640050.