A romaría da Picaraña volve esta fin de semana a Ponteareas

 

A programación arrancará o sábado 30 ás 17.00 h e prolongarase ata o domingo pola tarde

 

A romaría da Picaraña volve esta fin de semana a PonteareasDespois de dous anos de parón pola situación sanitaria, a romaría da Picaraña prepara unha nova edición chea de actividades e diversión para todos os públicos e adaptada á nova realidade. O Concello organiza en colaboración coa Comunidades de Montes de Ponteareas, a Comunidade de Montes de Arcos, a Asociación Veciñal de Canedo e a Asociación Veciñal de Prado dúas xornadas de lecer dunha das celebracións que conta cunha maior participación de veciños e veciñas de todas as idades.

 

O programa arrancará este sábado 30 de abril ás 17.00 horas cunha xornada de xogos de mesa e rol que dará paso ás 22.00 horas á ruta nocturna ‘Afina os teus sentidos e descubre a Picaraña!’, que sairá dende o merendeiro de Chans. Ás 23.59 h as e os apaixonados da astronomía poderán participar nunha observación do ceo nocturno que terá como punto de encontro a entrada do albergue xuvenil.

 

Como xa é tradición, as mozas e mozos poderán acampar esa mesma noite de forma totalmente gratuíta no recinto do albergue xuvenil da Picaraña, propiedade municipal. Para poder facelo e pasar a noite anterior á celebración da festa xa alí deberán inscribirse de forma obrigatoria na Biblioteca Municipal e aceptar as normas estipuladas para a acampada.

 

A xornada do domingo comezará con varias andainas, a partir das 10.30 horas dende as casas culturais de Arcos e de Prado e das 11.00 h dende o parque Luís Pardo de Canedo. Tras as rutas será hora de repoñer forzas co xantar popular, no que haberá polbeiro e postos de gastronomía. Ademais tamén haberá animación musical e xogos tradicionais, populares e deportivas para todas as idades pola tarde a partir das 16.30 horas.

 

Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a gozar destas dúas xornadas de lecer único nun espazo natural como o da Picaraña.