A Revista Pregón descubre un ano máis á veciñanza segredos e imaxes do Corpus Christi de Ponteareas

A Revista Pregón descubre un ano máis á veciñanza segredos e imaxes do Corpus Christi de Ponteareas

Alcaldesa, corporación municipal, autoridades e articulistas presentaron un novo número desta ferramenta de difusión do Corpus

Fernández agradeceu ás e aos alfombristas “o traballo e constancia que fai posíbel que entre todas soñemos e participemos do Corpus”

Ponteareas comeza xa a celebrar o seu Corpus Christi 2023. Alcaldesa, corporación municipal, autoridades, articulistas e veciñanza déronse cita na sala multiúsos do auditorio municipal para acoller a presentación dunha nova edición da revista Pregón, que cada ano achega información, formación, artigos de interese e moitas imaxes da festa ponteareá máis arraigada e senlleira.

Durante o acto de presentación, a rexedora, Cristina Fernández, destacou o traballo colaborativo de todo un pobo para ensinar ao mundo unha arte efémera “que nos fai ser persoas xenerosas e agradecidas, empáticas e participativas, pero tamén creativas e solidarias”. Un traballo que require unha intensa dedicación nas semanas previas levando esa efervescencia dos portais ás rúas de Ponteareas, “contando historias e creando lembranzas cheas de recendos, xogos e amizades”.

Cristina Fernández quixo agradecer unha vez máis a todas as persoas que participan “nesta actividade artística e mística o seu traballo para facer posíbel que todos e todas soñemos e participemos do Corpus”. “Temos que poñer en valor o traballo e constancia de todas e todos os alfombristas, que comparten o seu saber de anos de forma aberta coas persoas máis novas ou coas foráneas. Por iso o ano pasado lanzamos o reto de recoller imaxes de todo o traballo e da grande experiencia de vida que supón o Corpus e as súas alfombras. O resultado foi inmellorábel e agora dispoñemos dun material de difusión dun valor incalculábel”, destacou. 

Este novo número da revista Pregón recolle artigos de persoas recoñecidas da vila, relatos que poñen de manifesto a grandeza do Corpus, de Ponteareas e do seu patrimonio material e inmaterial. “Temos nas nosas mans unha ferramenta incomparábel para achegar a beleza e a paixón da nosa festa grande a todos os recunchos, algo que sería difícil sen a participación desinteresada de todas as persoas que facedes posíbel a entrega deste número. Usarémola co mesmo orgullo que aflora en nós cada domingo de Corpus cando contemplamos con emoción as nosas rúas chegas de cor, aroma e vida”, salientou o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Pola súa banda, Gonzalo Fernández, responsable da revista Pregón, lembrou á veciñanza que se trata xa do número 32 desta publicación e fixo un percorrido polos diferentes nomes que figuran nesta edición. Persoeiros como Alfonso Pexegueiro, Teresa Ríos Noya, Sonia Melón, Clodio González, Francisco Candeira, Xoán Martínez Tamuxe, Sofía Rodríguez, Andrés Sampedro, Antonio-José Groba, Miguel Grimáldez, Estanislao Fernández, Benito Márquez, Fidel Araújo, Anxo Serafín Porto, Raquel Vázquez, Gonzalo Fernández, Arístides Carrera, Jesús Rodríguez, Alberte Reboreda e Danna Alonso conforman un completo número de case cen páxinas no que se tocan temas como a ciencia, a literatura, a viticultura, o patrimonio ou a historia ponteareá, ademais do tradicional Corpus Christi de Ponteareas.

No encontro tamén participou de Laura Castro, subdirectora da sucursal de Abanca, que quixo unha vez máis destacar a visibilidade que cada ano dá a revista Pregón á festa do Corpus, “levando cada ano esta Festa de Interese Turístico Internacional, a súa tradición, as súas vivencias e as súas emocións a cada recuncho”. O acto de presentación contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.