José Manuel Cores Tourís foi recibido no Casa do Concello polo alcalde Xosé Represas, pola primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, pola segunda tenente de alcalde, Cristina Fernández e polo cuarto tenente de alcalde, Manuel Troncoso
A xuntanza tamén deu para tocar outras cuestións relacionadas co investimento nos centros educativos, a apertura dunha nova escola infantil ou a axilización na redacción do proxecto da estrada de circunvalación
O novo goberno municipal de Ponteareas mantivo este luns, 20 de xullo, o primeiro encontro co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, enmarcado na rolda de encontros que o representante autonómico está a manter cos novos alcaldes e alcaldesas da provincia.
O goberno municipal, representado polo alcalde, Xosé Represas, e tres tenentes de alcalde como Chus Garrote, Cristina Fernández e Manuel Troncoso, aproveitou a reunión para poñer encima da mesa varias cuestións que deberían ser solucionadas no curto prazo.
A primeira delas ten que ver coa residencia da terceira idade Santa Ana, que agora mesmo xestiona o Concello de Ponteareas e cuxos trámites para facer efectivo o traspaso á Xunta de Galicia comezaron hai case 3 anos. Todos os membros do goberno cadraron en cualificar este traspaso de competencias como algo urxente, pois realmente “é un servizo prestado pola Xunta de Galicia na inmensa maioría dos concellos que gozan deste tipo de residencias”.
Tourís comprometeuse a estudar o último informe presentado dende o Concello de Ponteareas no que se especifican os custos que tería que asumir o organismo autonómico de cara acelerar este proceso. Xosé Represas, pola súa parte, manifestou a necesidade de que o traspaso estea concretado a principios do ano 2016, para o cal será preciso manter antes unha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.
A asunción por parte da Xunta de Galicia desta xestión liberaría ao concello dun gasto importante, do mesmo xeito que o faría se a propia administración autonómica asumira a competencia da estación de autobuses. Este foi o segundo punto do debate e dende o goberno municipal lembrouse que esta competencia debería estar traspasada dende 1 de xaneiro de 2014. Problemas coa falta de empresas presentadas aos diferentes concursos públicos impediron que se fixera efectiva, pero os case dous anos acontecidos dende a mencionada data fan precisa a toma de medidas que permitan que a Xunta xestione unha estación que se sitúa dentro dunha das competencias autonómicas, como é a de transporte.
O encontro tamén permitiu acordar o inicio dos trámites noutros temas importantes para a cidadanía, como é a formación dunha comisión na que estean representados o Ministerio de Fomento, o Concello e a Xunta de Galicia que permita dar os primeiros pasos de cara á redacción do proxecto da vía de conexión co enlace da autovía en Moreira e a N-120. O protocolo asinado no pasado mes de maio entre as tres institucións establece que o organismo encargado desta redacción é a Xunta de Galicia, por iso dende o goberno municipal ponteareá se instou a que o orzamento do vindeiro ano conte cunha partida que contemple esta actuación.
Outra cuestión tivo que ver co saneamento integral do concello e a análise de tres posibilidades relacionadas coa a estación depuradora de augas residuais para garantir o subministro a todos os veciños e veciñas da vila a través dun único punto. A primeira delas contempla a ampliación da propia estación, a segunda implicaría unha construción dunha nova estación e a terceira baralla a opción de deseñar un colector que conecte coa estación de Guillarei. O delegado territorial recomendou concertar unha reunión con representantes da entidade pública empresarial Augas de Galicia para valorar a mellor alternativa posible.
A nova Escola Infantil para a etapa de cero a tres anos e o necesario cambio de cualificación nos terreos, xunto ao novo parque da rúa T. Xoan G. de Guillade, para poder construir un centro vinculado á rede autonómica de Escolas Infantís tamén formou parte da conversa.
Unha das últimas cuestións tratadas nunha reunión cordial e, sobre todo, produtiva, estivo relacionada co papel da Xunta no financiamento das instalacións que forman parte dos centros educativos. Dende o executivo local sinalouse a urxencia de levar a cabo, entre outras actuacións, a instalación dun comedor no CEIP Fermín Bouza Brey.
Un encontro no quedou clara a visión común por parte de ámbalas dúas administracións de colaborar en todos aqueles temas que favorezan a calidade de vida dos cidadáns e que axuden a resolver os seus problemas máis inmediatos.