Este mércores haberá conferencia do físico Jorge Mira, o obradoiro “A Maleta dos Océanos” e seminario para profesorado
Os enxeñeiros da Universidade de Vigo, Juan Picos e David Patiño, ofreceron conferencias na sala multiúsos este martes
A segunda xornada da Semana das Ciencias “Sostibilidade e Cambio Climático” chegou da man do director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, que ofreceu unha conferencia para o alumnado IES Val do Tea.
Na sala multiúsos do auditorio municipal conversaron sobre os “incendios de sexta xeración”, as novas tecnoloxías ao servizo da prevención e extinción de incendios, de boas prácticas e da evolución no número de superficie queimada ademais das dimensións que están adquirindo as vagas de lume. Cada día son máis as ferramentas que temos para loitar contra os incendios pero o número de hectáreas arrasadas non son alentadores polo que todas e todos temos nas nosas mans a responsabilidade de contribuír na prevención dos lumes.
Conferencia Juan Picos
Ao longo da mañá, o protagonista foi o profesor Xabier Prado que xogou coas dimensións e a xeometría no CEIP Nosa Señora dos Remedios. Pola noite, celebrouse a conferencia do enxeñeiro da Universidade de Vigo, David Patiño, que foi presentado polo alumando do IES do Barral. Unha charla, na que o público aprendeu e conversou sobre a biomasa como recurso enerxético.
Este mércores, Jorge Mira reflexiona sobre o cambio climático
A Semana da Ciencia continúa este mércores no multiúsos do Auditorio Municipal, ás 19.30 horas, cunha charla do físico Jorge Mira, que tratará o tema do cambio climático e os motivos polos que está a cambiar.
Unha xornada que comezará na entrada do auditorio co obradoiro “A Maleta dos Océanos” impartida pola ferrolá María Lorenzo. Unha actividade dirixida ás alumnas e alumnos de primaria e que contará coa presenza da alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, que visitará tamén a exposición “O Mar das Mulleres”.
Ás 12.00 do mediodía haberá unha nova cita co ciclo de conferencias para o alumnado co profesor da Universidade de Vigo, Enrique José Varela, que falará de como axudar á sustentabilidade global hackeando á sociedade e xa pola tarde, o profesorado, visitará o CIFP A Granxa para participar nun seminario sobre hortas escolares.
A programación da Semana das Ciencias continúa o xoves e venres con máis conferencias, saídas didácticas polo río, con animación na Praza Maior para os máis pequenas e pequenos e o venres coa Feira das Ciencias na contorna da casa do concello.