A Policía Local xa dispón dunha nova motocicleta

A concelleira de Seguridade recolleu o vehículo en Pontevedra e asinou este venres, 15 de xaneiro, a acta de cesión en propiedade por parte da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ff8b736db86e062b4353985b14843406A Policía Local de Ponteareas xa ten a súa disposición unha nova motocicleta de 47 cabalos de potencia e 660 centímetros de cilindrada. Trátase dunha adxudicación que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza fixo ao Concello de Ponteareas no abeiro da convocatoria de subvencións para o ano 2015 para a asignación de vehículos e motocicletas a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con corpo de Policía Local.

A edil de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, recolleu o vehículo acompañada de dous axentes municipais no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, Pontevedra, lugar onde tivo lugar a sinatura da acta de cesión en propiedade da motocicleta por parte da propia Fernández e da secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Beatriz Cuiña.

A concelleira ponteareá incidiu na necesidade de “dotar de máis medios a corpos de Policía Local, que fan un labor importantísimo, aspiran a menos subvencións que outros servizos municipais e contan, no caso de Ponteareas, con menos recursos económicos propios para sufragar a súa correcta actividade que Concellos máis grandes, o cal non quita que non estean prestando un servizo a unha poboación moi importante en número, pois o noso municipio conta na actualidade con máis de 23.000 veciños e veciñas”.