A Policía Local vela polo cumprimento das normas da alerta sanitaria e pide evitar aglomeracións nos establecementos de alimentación

Os axentes obrigan a pechar varios comercios abertos indebidamente e pide aos supermercados que controlen o aforo para evitar aglomeracións

A Policía Local de Ponteareas está velando polo cumprimento da alerta sanitaria decretada pola Xunta de Galicia e fai un chamamento á poboación para evitar a aglomeración de persoas nos establecementos de alimentación. Durante esta mañá constatouse que un grande número de persoas acudiron aos supermercados da localidade creando un risco para a saúde pública. A Policía Local lembra que estes establecementos están abertos pero a permanencia nos mesmos deber ser a estritamente necesaria evitándose aglomeracións e controlando que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida para evitar posibeis contaxios. Os supermercados son espazos nos que o contacto masivo con elementos como carriños, produtos ou billetes e moedas incrementan as posibilidades de contaxio.

A Policía Local fai un chamamento a realizar as compras de forma escalonada durante os vindeiros días e recorda que o goberno xa anunciou que non haberá problemas de desabastecemento.

Por outra banda, os axentes víronse obrigados durante a mañá de hoxe a pechar varios establecementos abertos indebidamente e a pedir aos responsabeis dos supermercados que controlen o aforo dos seus establecementos evitando a aglomeración no seu interior, se é preciso co apoio da propia Policía Local.

Por outra banda, a Policía Local está recibindo chamadas de cidadáns ante a apertura ao público doutros establecementos que prestan servizos como perruquerías. Neste sentido lembran que o decreto da Xunta só afecta de momento ao comercio retallista e ao catálogo de actividades recreativas (como bares, cafetarías, etc) e que servizos como perruquerías, entidades bancarias, despachos profesionais, etc… non están polo momento incluidos na orde de peche.

Por último a Policía Local apela ao sentido común e a seguir a consigna de non sair de casa agás en casos realmente imprescindibeis.