A Policía Local reforza a inspección da venda ambulante en Ponteareas

Vinte postos ilegais foron retirados na última feira e mercado

A Policía Local de Ponteareas reforzou nas últimas semanas a inspección da venda ambulante, intervindo de forma especial na retirada de postos de venda sen autorización. Segundo informa o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, área encargada das ocupacións de espazo público como a venda ambulante, “estamos implementando novos protocolos e métodos de inspección permanentes e continuos da Policía Local para asegurar o cumprimento da normativa de venda ambulante”. O edil nacionalista salienta que “a venda ambulante ilegal prexudica ao concello pero tamén aos e ás vendedoras que cumpren coas súas obrigas e ao comercio local, converténdose nunha competencia desleal”.

As inspeccións da Policía Local irán dirixidas a detectar os postos de persoas non autorizadas para a venda ambulante, o control dos produtos para evitar a venda de mercadorías prohibidas ou falsificadas, a comprobación do cumprimento das dimensións dos postos autorizados e da súa ubicación, o control das altas na seguridade social así como o depósito de residuos e lixo ao remate da xornada.

Nas últimas semanas a inspección da Policía Local foi continua e como resultado da mesma detectáronse e retiráronse doce postos na feira do 14 de febreiro e outros oito no mercado do día 15.

Por outra banda, a concellaría de Bo Goberno determinou xa os espazos hábiles para a venda ambulante nas rúas de Oriente e da Esperanza para as ocasións nas que as e os vendedores teñen que ser reubicados por eventos na Praza Maior, na Praza de Bugallal e na rúa Morales Hidalgo. “Deste xeito, estará claramente regulado onde se poden instalar e onde non nestas dúas rúas comerciais sen que afecte ao comercio local, como viña acontecendo até agora”.

Mera adiantou que a concellaría está revisando a ordenanza de venda ambulante para “introducir importantes cambios e melloras na normativa municipal que permitan dar máis eficacia ao control desta actividade”.