A Policía Local investiga os danos causados con pintadas contra o Goberno en edificios e bens municipais

A Policía Local investiga os danos causados con pintadas contra o Goberno en edificios e bens municipais

O Concello pide a colaboración cidadá para identificar á persoa ou persoas responsábeis duns danos “que custan cartos a toda a veciñanza”

A Policía Local de Ponteareas investiga os danos causados nos últimos días con pintadas nas fachadas da Casa do Concello, edificio catalogado por Patrimonio, así como en xardineiras de granito situadas na Praza de Bugallal. Todas as pintadas responden, aparentemente, á mesma autoría e recollen a mesma expresión contra o Goberno municipal en forma de “benegallos dimisión”.

O Goberno municipal do BNG-PSOE pide a colaboración cidadá para identificar á persoa ou persoas responsábeis dos danos e lembra que “este tipo de accións supoñen, ademais dun deterioro de bens públicos, un gasto na súa limpeza que acaba pagando toda a veciñanza cos seus impostos por causa da falta de civismo duns poucos”.

O executivo local lembra que todas as críticas son lexítimas pero a liberdade de expresión non ampara actos de vandalismo nin danos aos bens públicos.