O corpo municipal vén de facer no diferentes establecementos entrega dunha circular na que se recorda o estipulado na ordenanza municipal
O incumprimento desta norma marcada na ordenanza supón unha infracción grave sancionada con multas de entre 100 e 500 euros
A concellería de Comercio e Hostalería, xestionada por Mario Lago, continúa coa firme intención de facer cumprir a ordenanza municipal referida á instalación de terrazas na vía pública. En concordancia con este compromiso, en colaboración coa concellería de Seguridade Cidadá dirixida por Vanesa Fernández, a Policía Local do concello vén de facer entrega dunha circular na que se informa aos hostaleiros da obriga de recoller o material utilizado para instalar as terrazas.
Segundo especifica a propia ordenanza, “ao rematar o horario de funcionamento da terraza, nun prazo máximo de 30 minutos, o titular da instalación deberá proceder á retirada da vía pública de todo o mobiliario, agás o toldo cando estea autorizado; debendo quedar recollido todo o mobiliario dentro do establecemento ou, no seu defecto, no lugar delimitado pola Policía Local, ocupando o menor espazo posible durante o tempo que o mesmo permaneza pechado ao público.”
A normativa municipal tamén establece que o incumprimento desta obriga de recoller o mobiliario da terraza “constitúe unha infracción grave, sancionada, segundo o disposto no artigo 21.2 da mesma Ordenanza, con multa de 101,00 euros a 500,00 euros”.
Mario Lago recorda que “a convivencia entre veciños e hostaleiros vai ser unha das principais premisas deste goberno local”, do mesmo xeito que é consciente “da importancia económica que ten este sector na vila, por iso imos presentar no próximo pleno municipal unha proposta para baixar as taxas que os propios hostaleiros teñen que pagar por instalar as terrazas no período comprendido entre o mes de abril e o mes de outubro”.