A Policía Local denuncia a un condutor sen permiso de conducir tras darse á fuga nun control

 

O vehículo foi detido polos axentes na Avenida de Castelao tras unha rápida persecución

 

A Policía Local de Ponteareas denunciou por varios delitos e infraccións a un condutor sen permiso de conducir tras darse á fuga nun control policial na tarde do pasado domingo, na rotonda da Avenida Fermín Bouza Brey coa Avenida de Castelao. Cando os axentes deron o alto ao vehículo, o seu condutor acelerou a marcha, derrapando sobre a parte central da glorieta e continuando a grande velocidade pola Avenida de Castelao, invadindo o carril de circulación contrario e poñendo en risco a seguridade doutras persoas.

 

A patrulla da Policía Local iniciou a súa persecución, e grazas á colaboración de varios viandantes, o vehículo foi localizado no interior dun aparcadoiro sen saída onde circulaba a gran velocidade, causando danos a outros vehículos. Os axentes bloquearon a saída do estacionamento e ordenaron ao condutor apagar o coche e saír do mesmo. Ao facer caso omiso ás ordes e ante o risco de poder ser atropelados polo vehículo, os axentes víronse na obriga de desenfundar as súas armas regulamentarias, momento no que o condutor apagou o coche e saíu do mesmo.

 

No vehículo viaxaban catro persoas de entre 19 e 22 anos. O condutor, E.V.P, veciño da localidade de As Neves, de 22 anos, con antecedentes policiais, carece de permiso de conducir, ao non telo obtido nunca, polo que foi denunciado por un delito contra a seguridade viaria, do que deu conta esta semana nun xuízo rápido. O condutor do vehículo xa fora denunciado policialmente polo mesmo motivo noutras tres ocasións dende o mes de decembro. Ademais, o coche carecía de seguro obrigatorio polo que tamén foi denunciado por infracción administrativa moi grave, á que se engade outra por desobediencia aos axentes.

 

Tralo rexistro do vehículo atopouse unha navalla de 10 cm. de folla que foi aprehendida pola Policía Local dando lugar a unha denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá. O coche foi inmobilizado e trasladado ao depósito de vehículos.