A Policía Local de Ponteareas imputa a tres mulleres por furto en varios comercios da vila

Os feitos tiveron lugar durante a xornada do pasado luns, 31 de agosto

As gravacións de vídeo vixilancia foron claves para esclarecer o acontecido

Os roubos producíronse en tres establecementos diferentes da vila e o valor dos artigos furtados superaba os 400 euros

A Policía Local de Ponteareas vén de informar da imputación de tres mulleres que na tarde do luns terían roubado diversos artigos en tres comercios diferentes do municipio. Os axentes foron alertados despois de que varias persoas confirmaran que tres mulleres, veciñas de Poio e Vigo, furtaran diversos artigos nunha farmacia, posteriormente nunha tenda de informática e por último nun bazar, todos eles establecementos situados no Concello de Ponteareas.

Tras unha breve descrición física aportada polos propios denunciantes, os axentes policiais localizaron a unha muller que coincidía coa información aportada polas testemuñas na estación de autobuses. Acto seguido foron capaces de distinguir ás dúas compañeiras, despois de que unha delas tentara abandonar o lugar e escapar da policía subindo a un dos autocares. Os axentes deron a orde de que baixara do vehículo antes de que arrancara.

Os axentes non atoparon ningún artigo no primeiro rexistro que efectuaron e foron as imaxes das vídeo gravacións as que esclareceron definitivamente os feitos acontecidos e nas que de podía observar como estas tres persoas lograron levarse artigos por un valor superior aos 400 euros, cal permitiu dar inicio ás dilixencias por un delito de furto de maior gravidade. Todo o material das citadas gravacións foi posto á disposición do Xulgado de Instrución de Ponteareas.

Dende a propia Policía Local de Ponteareas, dependente da concellería de Seguridade Cidadá xestionada por Vanesa Fernández, ínstase a todos os veciños a que dean aviso inmediato de calquera sospeita sobre persoas que poidan estar facendo algúns tipo de actividade ilícita, pois a colaboración cidadá é fundamental para facer fronte a este tipo de casos. Fernández quixo “felicitar, asemade, aos axentes do Corpo Municipal de Ponteareas, pois son este tipo de actuacións as que permiten garantir o benestar e a seguridade de todos os cidadáns”.