Máis dunha ducia de expertos en arqueoloxía, etnografía, arte e historia en xeral ofrecerán conferencias e visitas guiadas totalmente de balde para os e as participantes
A concellería de Cultura e a Universidade de Vigo colaboran para ofrecer aos estudantes de grao 0,9 créditos pola súa participación
A concellería de Cultura informa que mañá remata o prazo para inscribirse nas I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado, unha oportunidade única de coñecer unha parte da nosa historia da man de arqueólogos, historiadores, antropólogos e expertos na materia totalmente de balde.
Por vez primeira o concello de Ponteareas acollerá unha novidosas xornadas que xorden para dar resposta á inquedanza dunha boa parte da poboación interesada en afondar nas nosas orixes.
Fernando Groba, concelleiro de Cultura, abre estas primeiras xornadas a toda a cidadanía e fai especial fincapé na comunidade universitarita ofrecendo 0,9 créditos para os estudantes de grao e certificados de asistencia ás persoas que asistan ao 80% das actividades.
Organizadas coa colaboración do concelleiro Benito Márquez e coa Facultade de Historia da Universidade Vigo, estas xornadas traerán ao Museo de Ponteareas figuras do nivel do arqueólogo Xosé Lois Vilar; Marta Cendón e María Luisa Castro da Universidade de Santiago de Compostela; o arqueólogo da Deputación Rafael Rodríguez; Juan Manuel Buján, Ministro Provincial dos Franciscanos; Carlos Andrés González Paz do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Clodio González Pérez do Museo do Pobo Galego e da Real Academia Galega; , José Manuel Hidalgo Cuñarro do Instituto Histórico e Xeográfico de Santa Catarina Brasil; Rafael Sánchez Bargiela do Instituto de Estudos Tudenses e o arqueólogo Alberte Reboreda, entre outras figuras expertas en Patrimonio e Historia.
Estas primeiras xornadas terán oco para as iniciativas das asociacións culturais sobre o patrimonio do Condado e no xoves haberá unha mesa redonda na que participará Marcos Escudero e Marina Alcalde da A.C. ViaxaMos no tempo, Nieves Barrera da asociación Rancho de Reis de Guláns e Arístides Carrera da asociación Patrimonio Cultural Val do Tea.
As e os participantes tamén desfrutarán de visitas guiadas ao Castro de Troña e aos petróglifos de Gargamala para ademais de coñecer o noso patrimonio, participar nunha clase práctica, sendo tan só preciso inscribirse no enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou a través do número de teléfono 986 66 07 65
Toponimia, arquitectura, o medievo, as nosas orixes ou a historia da arte floral serán algúns dos temas nos que adentrará o público da man dos expertos.
“Estas primeiras xornadas achegarán a importancia do patrimonio histórico e cultural á cidadanía, aos universitarios e ao alumnado en xeral e tamén suporán unha oportunidade única de escoitar a conferenciantes e expertos de dentro e de fóra de Galicia na nosa vila”, explica Fernando Groba.