A parroquia de Moreira uníuse polo futbito

O Campionato de futbito de Moreira que remata hoxe supuxo un encontro deportivo dos máis agardados polos veciños e veciñas da parroquia que, como cada ano, se achegan ata a pista do centro cultural para vivir o ambiente das noites do campionato. O campionato estivo organizado pola Asociación Cultural Recreativa Deportiva de Moreira en colaboración coa Concellería de Deportes de Ponteareas. Dada a súa importancia para esta parroquia, ata él se achegaron Chus Garrote, tenente de alcalde de Ponteareas; Benito Márquez, concelleiro de Deportes; e Vanesa Fernández, concelleira de Tráfico e Seguridade.

Once equipos víronse as caras na pista de Moreira. Un dos requisitos para formar equipo é que teñan varios veciños da parroquia. “Esa é unha das razóns principais que fai que os veciños e veciñas da parroquia se acheguen á casa cultural, sobre todo agora nestas noites de tanta calor”, sinalaba Mariluz Pereira, presidenta da Asociación Cultural Recreativa Deportiva de Moreira.

“A nosa intención, a intención da directiva, é a de seguir celebrando este campionato que xa leva moitas edicións e que dende os máis cativos ata os máis maiores esperan cada día para falar e verse. Máis ca un encontro deportivo é un encontro social”, afirmaba Mariluz Pereira, presidenta da asociación.

A directiva desta asociación, formada por sete membros, traballan tódolos días para que os veciños, as familias, os árbitros e tódolos participantes se atopen a gusto e pasen un bo rato. Cada un deles fai unha función indispensable para que o torneo se desenvolva correctamente: uns cubren a acta, outros recollen os balóns que van fóra, outros acomodan ao público e todas e todos xuntos, ao remate da xornada, limpan a pista para que quede impecable para o día seguinte. 

“É por todas estas cousas que este campionato de futbito é especial; vai máis alá dun simple encontro deportivo, converténdose nun encontro dinamizador da parroquia, no que se acaba xuntando a meirande parte deles; do mesmo xeito, tamén é un encontro que aproveitan os máis pequenos e as máis pequenas para xogar cos compañeiros e, como quen dí, facer parroquia”, sinalou Benito Márquez, concelleiro de Deportes.

“O campionato de Moreira é unha cita marcada pola intención dos organizadores de crear identidade parroquial, de facer unión e de implicar a toda a veciñanza. A súa singularidade é a de implicar a toda unha colectividade baixo a marca Moreira acadando un resultado magnífico”, sinalou Benito Márquez, concelleiro de Deportes.

Este encontro social reúne tódalas noites a máis de 150 veciños no que se xuntan para compartir ás calurosas noites de verán e animar aos equipos e especialmente aos veciños que neles participan.