A obra de teatro “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra” clausurará as xornadas da muller

A creación do grupo vigués “O Trasno Novo Teatro” será o prato estrela dunha programación que terá lugar o vindeiro 7 de novembro en Ponteareas

Cartaz Conversas“O encontro de tres mulleres do mesmo pobo pero de moi distinta condición, unidas na fuxida e distanciadas no seu comportamento ante a vida e o momento histórico que lles toca vivir”. Este é un extracto da sinopse que a compañía viguesa “O Trasno Novo Teatro” ofrece acerca da súa obra teatral “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra”.

Trátase dun evento que terá lugar o vindeiro 7 de novembro na sala de usos múltiples do Auditorio Reveriano Soutullo e que está enmarcado dentro da Xornada da Muller que a concellería de Igualdade, xestionada por Verónica Carrera, ten previsto organizar nesa mesma data.

En palabras da propia compañía, esta representación servirá para facer unha homenaxe ás mulleres asasinadas, durante e na posguerra, case sempre anónimas e esquecidas, e tamén para reflexionar, a través da súa mirada, sobre temas que seguen a ser de actualidade: a subxectividade da información, a hipocrisía da sociedade, as relacións de parella, o terrorismo, os abusos do poder e outros”.

Unha obra que clausurará unha xornada na que os veciños e as veciñas da vila poderán asistir a distintas conferencias relacionadas coa violencia contra as mulleres no Salón de Plenos da Casa do Concello, lugar que tamén acollerá unha exposición fotográfica vinculada á invisibilidade que ten en moitas ocasións esta problemática.