A novena Feira Tradicional dos Remedios abrirá oficialmente as Festas de Setembro

A Feira Tradicional dos Remedios celebrarase o vindeiro sábado, 5 de setembro, en diversas rúas do casco urbano de Ponteareas

Tanto o alcalde, Xosé Represas, como a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, salientaron o carácter “económico e variado dun programa” que “combina tradición e modernidade”

As festas de setembro tamén servirán para a celebración de diversos eventos deportivos, organizados por diferentes clubs e nos que colabora a concellería de Deportes, xestionada por Benito Márquez

A presentación da feira e da programación das festas tivo lugar no Salón de Plenos e contou coa presenza do deputado provincial, Xosé Leal, responsable da área de Cultura da Deputación de Pontevedra

Q55A0418A novena Feira Tradicional dos Remedios abrirá a cortina das Festas de Setembro do ano 2015. Trátase dunha cita xa consolidada na programación das festas e que pretende trasladar ás rúas Oriente e Esperanza, situadas no casco urbano de Ponteareas, a comezos do século XX. Un total de 22 artesáns serán os encargados de facer demostracións de diversos oficios na rúa durante toda a xornada do sábado, 5 de setembro, a partir das 10:30 horas.

Ilda Amoedo, membro do Centro de Recuperación de Cultura Popular, que participa na organización do evento, cualificou esta feira como unha “excelente ocasión para viaxar até a sociedade local dos primeiros anos do pasado século” e animou a todos os veciños a “participar e interactuar cos diferentes actores que estaremos vestidos de época e tentando promover oficios e xogos tradicionais que non hai tanto tempo se desenvolvían por esta zona”. Amoedo tamén quixo destacar “o perfecto escenario que constrúe a feira para facer desta unha xornada na que moitos artesáns acadan un bo nivel de vendas”.

Trátase dunha feira que contará coa proxección dunha curtametraxe na que se relatará a historia do propio evento e na que, ademais do Concello de Ponteareas, colabora a Deputación de Pontevedra. O ente provincial estivo representado en Ponteareas por Xosé Leal, responsable da área de Cultura na Deputación, quen “se mostrou orgulloso de asistir á presentación dunha feira que pretende lembrar parte das raíces dos mercados e dos traballos de artesanía que se realizaban na comarca e que, asemade, utiliza técnicas modernas que permitan atraer a atención do público destes tempos”.

Leal tamén quixo aproveitar a súa visita á vila do Tea para visitar algunhas instalacións dependentes da concellería de Cultura de Ponteareas e para trasladar a intención de “analizar as necesidades que poida ter o concello en diferentes eidos para posteriormente seguir unha liña destinada á elaboración de plans de fondos específicos para cada concello, de xeito que sexan as propias administracións locais as que decidan como se fai cada investimento”.

Bautista quixo agradecer a presenza de Leal ao mesmo tempo que describía a programación das festas de setembro como “unha grella de actividades que combinan tradición e modernidade, pois ámbalas dúas deben ser complementarias”. Un programa “pensado para todos públicos”, con “orquestras de moi bo nivel, entre as que se atopan varias de ámbito local como Tango e Miramar”, con “música tradicional representada no Festival Folclórico do Condado e con música moderna personificada en festivais de playback, concursos de karaoke e, sobre todo, a actuación de Immaculate Fools, cuxas entradas xa se poden adquirir de maneira adiantada na web www.ticketea.com, polo módico prezo de 5 euros”.Q55A0480

Os veciños e as veciñas de Ponteareas tamén poderán gozar de diferentes manifestacións artísticas en forma de fotografía, coa exposición das instantáneas presentadas ao primeiro certame de fotografía non profesional organizado dende o concello; de graffitti, coa mostra das obras realizadas nas xornadas de arte urbana; e de pintura, coa exposición de Judith Porto no Centro Artístico Sportivo.

As festas de setembro tamén contarán con actividade deportiva. Un total de seis eventos relacionados con pádel, tenis, xadrez, ciclismo, baloncesto, fútbol e fútbol gaélico vestirán as festas amosando parte do patrimonio deportivo ponteareán. Os eventos son organizados polos propios clubs e contan coa colaboración da concellería de Deportes, xestionada por
Benito Márquez.

Por último, o rexedor da vila, Xosé Represas, asegurou que a final de mes “se comprobará que o gasto realizado por parte do concello para a elaboración deste programa foi menor que noutros anos, conseguindo, aínda así, que este teña unha maior calidade”. O alcalde destacou que isto é “grazas á xestión de Hortensia Bautista e do departamento de Cultura, que desta volta conseguiu mellores prezos que en edicións pasadas porque se consultaron diferentes orzamentos para a contratación de diversos servizos”.