A nova oficina virtual tributaria de Ponteareas permitirá o pago telemático de taxas e impostos a partir de xuño

A nova oficina virtual tributaria de Ponteareas permitirá o pago telemático de taxas e impostos a partir de xuño

Con esta innovación, as persoas contribuíntes poderán evitar os actuais desprazamentos ao Concello e entidades bancarias

A súa creación está financiada con fondos europeos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’

O Concello de Ponteareas prosegue co seu proceso de modernización electrónica para facer os servizos máis accesíbeis e doados de empregar pola veciñanza. No marco desas políticas, o Concello, a través da EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’, estratexia municipal financiada pola Unión Europea a través de fondos FEDER, adxudicou a finais do pasado ano o contrato para a creación da súa oficina virtual tributaria ou do contribuínte, que comezará a funcionar no mes de xuño deste ano.

Os traballos contratados van dirixidos a habilitar os medios técnicos necesarios que permitirán á cidadanía relacionarse con maior comodidade e axilidade coa administración municipal en materia tributaria. O Goberno local do BNG-PSOE salienta que entre as novas vantaxes que ofrecerá esta oficina virtual do contribuínte atópase o sistema de pasarela de pago virtual dos tributos municipais, que reducirá os tempos, desprazamentos e comparecencias nas dependencias municipais. Actualmente, o pagamento de numerosos impostos, taxas ou prezos públicos municipais obrigan ás persoas contribuíntes a acudir de forma presencial á Casa do Concello e a entidades financeiras para facer os seus pagos.

A creación desta oficina virtual tributaria supón un investimento de máis de 56.000 euros aos que se suman 26.000 euros máis de soporte e mantemento da oficina durante catro anos.

A empresa adxudicataria celebrará unha xornada aberta á veciñanza para explicar a utilidade da oficina virtual tributaria e dar resposta ás consultas que se formulen respecto ao seu funcionamento. Ademais, realizaranse unhas xornadas de formación para o persoal municipal.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “nestes oito anos vimos implementando melloras na atención cidadá para facilitar a relación da veciñanza co Concello, entre elas os sistemas de cita previa electrónica para o padrón de habitantes ou para a expedición do DNI, ou os 37 puntos de acceso á administración electrónica creados nas casas culturais das parroquias e edificios municipais, aos que agora se suma a oficina virtual tributaria que supón un enorme avance e moitas vantaxes para a cidadanía”.