O Concello acolleu a presentación das catro probas que se organizarán na vila. A primeira, o Campionato Galego de Augas Abertas, será esta mesma fin de semana
Ponteareas continúa achegando á veciñanza o espectáculo da natación de competición. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, presentaron o calendario preparado polo Club Natación Ponteareas para os meses estivais e que se desenvolverán tanto nun tramo do río Tea como no Complexo Deportivo Álvaro Pino. Na presentación estiveron acompañados pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a deputada de Promoción Económica e Emprego da Deputación de Pontevedra, Raquel Giráldez; o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño; o presidente e director técnico do club, Andrés Carrera; e o xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez Ramil.
“Dende o Concello queremos dar os nosos parabéns ao Club Natación Ponteareas non só pola gran traxectoria destes últimos anos, senón tamén por organizar eventos que dinamizan a nosa vila, xa que non só move ás e aos deportistas, senón tamén a todas as familias, dando vida a todos os sectores do municipio”, destacou a rexedora. Fernández Davila tamén salientou que os campionatos servirán para “poñer en valor o noso río e a súa contorna, que agora estamos mellorando con diferentes proxectos que permitirán a deportistas e público gozar non só da natación, senón tamén de renovadas instalacións e dunha contorna única”.
A primeira cita será este sábado 4 de xuño, o Campionato Galego de Augas Abertas, que será a primeira etapa do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas e estreará as competicións de natación no río Tea. “É o único campionato oficial que aglutina na mesma competición a 230 nadadores e nadadoras da categoría máster e absoluto”, explica Andrés Carrera, quen asegurou que “é un orgullo ter en Ponteareas tres eventos deste calibre este verán”.
O 11 e 12 de xuño será a quenda do Campionato Galego de Natación Máster de verán, o campionato galego con maior participación e que por primeira vez tras a pandemia reunirá a todos os nadadores e nadadoras durante dous días na vila. O 21 de agosto chega a sexta edición da Travesía ‘Vila do Tea’, que por primeira vez puntua para a Copa de España de Augas Abertas e que se está a consolidar como unha das probas con máis nivel dentro do circuíto galego, na que sempre participan deportistas españois e internacionais. O 17 de setembro a etapa final do Circuíto Galego porá o broche de ouro a unha temporada estival única para a natación ponteareá.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, aproveitou para recordar que estas probas poñen en valor “o noso río Tea e nos nosos recursos naturais, así como o turismo deportivo e a nosa enogastronomía”. Pola súa banda, a deputada Raquel Giráldez salientou o importante labor de promoción do deporte entre a mocidade que está a facer o CN Ponteareas e felicitou ao club e ao Concello “por levar adiante actividades como esta, que agardamos que teñan unha alta participación”.
O presidente da Federación Galega, Carlos Touriño, valorou que Ponteareas é xa “un referente na natación non só polos resultados do club local, senón tamén pola súa capacidade organizadora, cunha programación que sirve tamén para promocionar a nosa terra”.