A música protagoniza unha nova cita en Ponteareas co festival cultural Convergências Portugal-Galicia

 

Será este venres 18 na sala multiúsos do auditorio municipal

 

Comezará ás 20 h coa presentación do proxecto ‘Meniños cantores 2’ de Ponte nas Ondas e rematará co concerto de Sérgio Mirra Trío ás 20.30 h

 

Ponteareas converterase este 18 de marzo en escenario dunha nova cita co 8º festival cultural Convergências Portugal-Galicia, que achega á vila dúas propostas de artistas de ambos lados do río Miño para que a veciñanza poida gozar das súas interesantes creacións.

 

Así, este venres a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá un evento dobre que arrancará ás 20.00 horas coa presentación do proxecto ‘Meniños cantores 2’ da Asociación Cultural e Pedagóxica ‘Ponte… nas Ondas!’. O seu presidente, Santi Veloso, descubrirá ao público esta proposta na que participaron 17 centros educativos de Galicia e Portugal prepararon un repertorio musical que transcende o territorio poñendo en diálogo permanente as dúas beiras da fronteira. O resultado é unha serie documental, unha web, un glosario e un libro disco composto por 17 cancións de música tradicional e popular apadriñada por varios artistas que poñen a súa voz e a peza ‘Máis perto’, himno do proxecto.

 

A xornada continuará ás 20.30 horas co concerto de Sérgio Mirra Trío, un multi-instrumentista de cordas desexoso de transmitir ás vindeiras xeracións o riquísimo tesouro que é a música tradicional portuguesa e os instrumentos tradicionais. Un espectáculo cheo de ledicia, bo humor e unha escolma de pezas musicais cantadas e instrumentais recollidas por todo o país, de norte a sur, pasando tamén polas illas. Todo cunha identidade moi propia e persoal, cunha mestura de ritmos moi diversos e tratando de facelas atractivas e contaxiosas para o público que as escoita.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca a importancia de que Ponteareas forme parte deste importante festival transfronteirizo que permite “continuar estreitando conexións culturais e históricas entre Galicia e Portugal” e convida á veciñanza a asistir a esta cita de gran valor artístico e cultural.