Ponteareas continúa na súa aposta pola concienciación no coidado e respecto ao medio natural e convoca á mocidade para participar nas distintas accións que baixo o lema “Venres polo planeta” terán lugar durante todos os venres ata o 13 de decembro.
A concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, dentro da programación de voluntariado medioambiental, convida a unirse a este movemento xuvenil dos voluntarios para limpezas na nosa contorna.
Este venres día 18 de 18:45 a 19:45 no parque da Moscadeira presentaranse as actividades, haberá unha ruta educativa sobre residuos e a biodiversidade e aproveitarase para comezar cunha pequena limpeza dese espazo.
Bouzó explica que ao ser actividades aptas para tódolos públicos poderá participar toda a cidadanía e tamén as familias.
A concellería pon a disposición dos e das interesadas un número de teléfono para inscribirse e un enderezo electrónico, 687 764 516 ou voluntariado@ponteareas.gal
Os venres 25 de outubro, 8 e 22 de novembro e 13 de decembro a mocidade volverá xuntarse para amosar o seu lado máis comprometido.
Este é un dos primeiros pasos que a concellería de Miguel Bouzó pon en marcha e que da cumprimento ao aprobado no pasado pleno ordinario para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática.
Os “Venres polo planeta” camiñan na liña da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable” e promove a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.