A mocidade ponteareá faise oír no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia – Unicef

A mocidade ponteareá faise oír no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia - Unicef

Representantes de ‘Mentes Novas’ participaron neste encontro xunto con nenos, nenas e adolescentes de consellos locais de once municipios

Traballar a fondo para garantir o benestar da cidadanía en xeral e da infancia e mocidade en particular. Esa foi unha das reclamacións que fixeron os representantes do Consello da Infancia e Mocidade de Ponteareas, ‘Mentes Novas’, durante a súa participación este martes en Santiago no X Foro Infantil Parlamento de Galicia-Unicef, xunto a nenos, nenas e adolescentes dos consellos locais de participación de Moeche, Teo, Ames, Viveiro, Moaña, Tomiño, Redondela, Nigrán, Castrelo de Miño, Cabanas e Burela. A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, e o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, acompañaron aos rapaces e rapazas ponteareás durante o encontro.

A representante de ‘Mentes Novas’ Sabela Montero subiuse á tribuna do Parlamento Galego para expor as preocupacións da infancia e da mocidade pola pobreza e desigualdade e a urxencia de construír un estados de benestar. “Porque ver xente vivindo na rúa, pedindo esmola, é algo tan habitual que acabamos pasando ao seu carón como se foren mobiliario urbano, e chegar ata este punto é moi grave. Porque cada vez son máis as familias que non poden pagar un aluguer, poñer a calefacción, facer unha compra minimamente saudábel ou pagar os recibos, porque os prezos non paran de subir. E estamos falando de dereitos básicos, non de caprichos ou luxos”, explicaba Sabela a todas e todos os participantes.

Na súa voz ‘Mentes Novas’ reclamou “mellorar as condicións laborais, eliminando a desigualdade de soldos que aínda existen entre homes e mulleres, adaptando os postos de traballo para facelos accesíbeis a todas as persoas e garantindo un salario digno para chegar a fin de mes”. Sabela Montero aseguraba que se nenos, nenas e adolescentes tiveran na súa man as ferramentas que teñen as e os dirixentes “non deixaríamos marchar do país a xente nova que se ve na obriga de emigrar porque aquí non hai futuro” ao tempo que reclamaba unha mellor repartición dos recursos que existen. “Para rematar coa pobreza é preciso que centredes os vosos esforzos en facer políticas que beneficien a toda a poboación”, recalcaba a voceira.

Durante o encontro a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, agradeceu o compromiso de todas e todos os participantes “porque cremos de veras na participación infantil e adolescente, xa que a vosa opinión conta e debería contar aínda máis”.