A mediación da alcaldesa logra desconvocar a folga xeral de recollida de lixo en Ponteareas

Reunións mantidas ao longo destes días entre a rexedora, empresa e sindicato permitiron desbloquear a situación

Tras unha reunión de máis de cinco horas mantida entre a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, a empresa concesionaria e representantes sindicais a última hora deste martes desconvocábase a folga xeral de recollida de lixo, limpeza viaria e punto limpo en Ponteareas.

Pasadas as 22.00 horas todas as partes chegaban a un principio de acordo sobre a negociación dun novo convenio que permita mellorar as condicións laborais e salariais do persoal antes de que remate a vixencia do actual documento, o vindeiro 31 de decembro.

Neste preacordo de cara ao futuro convenio colectivo todas as partes terán en conta a proposta dos e das traballadoras de que teña unha vixencia de 4 anos, así como que contemple un incremento salarial cun horizonte do 12% e outras melloras sociais. Este desbloqueo da situación prodúcese despois das diversas reunións mantidas durante os últimos días pola alcaldesa ponteareá coa empresa e cos e coas representantes sindicais para mediar e tentar chegar a consenso.