A marca de calidade ‘Rosquillas de Ponteareas’ renova a súa patente

A marca de calidade ‘Rosquillas de Ponteareas’ renova a súa patente

O Concello tramitou a renovación desta marca rexistrada no seu camiño pola posta en valor e visibilización deste doce tradicional

As ‘Rosquillas de Ponteareas’ son o sabor da tradición… e marca rexistrada. O Concello vén de renovar a titularidade na Oficina Española de Patentes e Marcas deste doce tradicional. Este é un novo paso no traballo que fai o Goberno municipal “por poñer en valor e visibilizar esta sobremesa que ten recoñecemento e sona en toda Galicia”, como salienta a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

“Esta marca rexistrada permite protexer ás nosas rosquillas e garantir a calidade dun produto que xera unha importante actividade económica na nosa vila a través as tres confeitarías adscritas a ela: Ancla, Dinguilindín e Regino”, explica a Gil. Cada ano elabóranse máis de medio millón de paquetes de rosquillas entre as distintas variedades acollidas pola marca de calidade: a foliado, a máis popular, xunto coa rosquilla de festa ou de ovo e os melindres.

O Concello de Ponteareas leva a cabo un intenso traballo para seguir dando a coñecer este doce tradicional con diferentes accións ao longo de todo o ano. Así, por exemplo, deseñouse un folleto no que se recolle que é a marca e a historia das rosquillas da vila, unha publicación coa que achegar ese doce tradicional a todas as persoas de fóra de Ponteareas. Ademais, mantense unha continua promoción nos diferentes actos deportivos e culturais que se organizan na vila, entregando en moitas ocasións unha mostra como agasallo ás persoas participantes.

E se algo son as ‘Rosquillas de Ponteareas’ é historia: as tres confeitarías acollidas á marca de calidade derivan da mesma rama familiar da Tía Luisa, unha muller que se asentou na vila procedente de Ribadavia alá polo ano 1865 e que comezou unha tradición e sabedoría rosquilleira que perdurou ata a actualidade.