A Ludoteca Municipal recibiu a visita de 40 alumnos dun Ciclo de Educación Infantil

Cursan os seus estudos no CIFP Portovello, en Ourense, e tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento dunha Ludoteca Pública

 

20160229_101843A Ludoteca Municipal de Ponteareas, Ludotea, serviu como escenario de aprendizaxe de 40 alumnos e alumnas, acompañados de tres mestras, do Ciclo Superior de Educación Infantil do Centro Integrado de Formación Profesional, en Ourense.

 

O obxectivo desta xornada era coñecer de primeira man unha ludoteca pública, “pois a meirande parte das que se poden atopar no noso entorno están xestionadas dun xeito privado aínda que a súa actividade sexa desenvolvida nun espazo público”, sinalou a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera.  A Ludoteca Municipal de Ponteareas é, ademais, un centro pioneiro, xa que é a primeira ludoteca galega creada e xestionada integramente por un concello.

 

Os alumnos e as alumnas coñeceron a importancia e a reivindicación do xogo como un elemento primordial na infancia, utilizado como “ferramenta de ensino para que os cativos desenvolvan sen esforzo habilidades que determinarán o seu futuro rendemento, de xeito que servizos municipais como a Ludoteca sirvan non só para entreter aos nenos e nenas, senón tamén para formalos”, salientou Carrera.