A IX edición do Festival Groba converterá a Ponteareas na capital galega da música de cámara

 

 

O Concello destaca que este evento “democratiza a alta cultura” e xa forma parte do “noso ADN”

 

Hoxe presentouse a IX edición do Festival Groba, en homenaxe do compositor Rogelio Groba, coa que Ponteareas se converterá na capital galega da música de cámara entre o 14 e o 20 de agosto. Durante estes días, preto dunha decena de intérpretes de todo o mundo compartirán a súa arte en distintos espazos do municipio, tanto ao aire libre como no auditorio municipal.

 

A alcaldesa, Cristina Fernández, destacou que este evento “democratiza a alta cultura”, e xa forma parte do “ADN de Ponteareas”. O Concello, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba, apoia con todos os medios dispoñíbeisun festival que este ano, debido á crise sanitaria, “é máis importante ca nunca”. “Estou segura de que a música axudará a mellorar a nosa saúde mental e cultural”, destacou Cristina Fernández, ao tempo que felicitou a Orquestra de Cámara Galega polo seu “gran traballo” na organización do festival.

 

O director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero, agradécelle ao Concello, á Deputación de Pontevedra, e á Xunta de Galicia, a súa aposta pola música e pola alta cultura. “Ponteareas é a vila das flores do Corpus, pero tamén das flores sonoras”, afirmou durante a presentación dun evento que traerá ao municipio “artistas de gran recoñecemento internacional”. Entre as propostas musicais que soarán entre o 14 e o 20 de agosto tamén haberá de compositores galegos, tomando especial atención a obra do mestre Rogelio Groba, que as seus 92 anos continúa compoñendo e xa suma 721 pezas.

 

Durante o acto tamén estiveron presentes a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, que quixo felicitar a organización polo “gran cartel acadado”, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que resaltou a labor do festival para glorificar a figura de Rogelio Groba Groba, un músico “moi admirado en Galicia e en toda España”.

 

A entrada ás actuación é de balde, pero as persoas que queiran aistir poderán facer as súas reservas na plataforma: https://www.eventbrite.es/