A instalación dos paneis solares do Mercado Municipal de Ponteareas afronta a recta final

A empresa galega Solarz con sede en Ponteareas foi a elexida para levar cabo a instalación de paneis solares fotovoltaicos no Mercado Municipal

A instalación abastecerá  o Mercado Municipal, o Conservatorio de Música e a Biblioteca Municipal, estimando un aforro do 50% na factura eléctrica

O pasado luns comezou a instalación de paneis solares no Mercado Municipal de Ponteareas, que avanza a bo ritmo aproveitando a situación meteorolóxica favorable tras unha parada de case dúas semanas por mor da chuvia.

Xa están colocadas as canalizacións dende a cuberta ata os inversores, que son os encargados de converter a corrente continua que xeran as placas en corrente alterna que vai ao cadro eléctrico da instalación. Están tamén colocados 50 dos 86 módulos totais, e agárdase rematar de montar os restantes módulos a comezos da próxima semana. Con todos os módulos colocados, só quedará rematar a conexión da instalación para a posta en marcha.

Espérase que a instalación estea lista e operativa cara finais da vindeira semana, cando comezará a producir enerxía verde e limpa aproveitándose só da enerxía do sol, o que permitirá aforrar nas arcas públicas en torno a un 50% na factura eléctrica do Mercado Municipal, da Escola Municipal de Música e da Biblioteca Municipal.

Este proxecto conta co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e é unha aposta do Concello de Ponteareas pola sostibilidade enerxética. A empresa galega Solarz, con sede en Ponteareas, é a encargada de desenvolver este proxecto, e ten por misión fomentar o uso de enerxías limpas e renovables para chegar a conseguir unha sociedade que se abasteza de enerxía sen emisións contaminantes.