A infancia de Rosalía de Castro a escena no Auditorio Municipal de Ponteareas

Culturactiva presenta o venres ás 18.30 horas unha obra para público infantil que mostrará que a poeta galega “tamén foi unha nena que cantaba e xogaba”

 

María Rosalía Rita, ou Rosalía de Castro, tamén foi nena. As biografías non o contan, pero a poeta galega tamén foi unha cativa que cantaba, que lía, que comía chocolate, e que tamén xogaba. Esta é a premisa da obra “Rosalía”, que Culturactiva presentará o vindeiro venres ás 18.30 na sala multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas. “Temos no noso concello unha grande oportunidade de coñecer a infancia da voz máis emblemática da nosa historia”, afirma o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, á vez que convida a veciñanza a asistir a un espectáculo de balde. As entradas poden reservarse en lingua@ponteareas.gal.

 

Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro é a protagonista desta obra de teatro, e será ela mesma a que lle conte aos nenos e nenas que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre  a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

 

A Deputación de Pontevedra trae a Ponteareas esta obra pensada para nenos e nenas de idade primaria, pero tamén para as súas familias. É froito do traballo dunha equipa de mulleres cunha grande experiencia no teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia. Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsábel de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindíbeis nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.