A inasistencia dos sindicatos á mesa de negociación retrasa a aprobación dos orzamentos de Ponteareas

O goberno pretendía aprobalos no pleno ordinario de decembro pero os sindicatos deron plantón ao executivo local na reunión do mércores

A previsión do goberno do BNG e PSOE de aprobar os presupostos de 2020 no vindeiro pleno ordinario do día 26 veuse alterada trala inasistencia dos sindicatos á mesa de negociación convocada o pasado mércores.

Na reunión debía abordarse todo o relativo á plantilla de persoal para o vindeiro ano 2020, requisito previo para que os orzamentos se podan someter a aprobación no Pleno. Sen embargo, os sindicatos, malia acudir á Casa do Concello, decidiron non participar na reunión alegando falta de tempo para estudar os asuntos, a pesares de ter sido convocados cunha semana de antelación, según informa o goberno local. Os sindicatos tamén demandaron a celebración de dúas reunións en lugar dunha.

O goberno local lamenta o “plantón” porque “non prexudica ao goberno do BNG e PSOE, senón que causa prexuizos ao conxunto dos cidadáns e ao interese xeral ao retrasar innecesariamente a aprobación dos orzamentos de 2020”. O goberno bipartito non comprende a atitude dos sindicatos porque “mesmo podería poñer en risco a aplicación da suba salarial aprobada no seu día para a plantilla municipal”. Á vista do acontecido, os sindicatos foron convocados novamente para a vindeira semana, polo que o goberno apela a súa responsabilidade para sentarse a dialogar.