A humanización da rúa Redondela inclúe 38 árbores de grande porte para a súa mellora ambiental, sombreado e ornamentación

O proxecto foi sometido o pasado ano a información e consulta veciñal aberta ás persoas residentes na rúa, celebrándose unha reunión á que asistíu numerosa veciñanza

 

A rúa Redondela contará con 38 árbores de grande porte e folla caduca que mellorarán ambientalmente e sombrearán os case 300 metros deste vial. Así se contempla no proxecto de humanización cuxas obras comezaron recentemente. Até agora a rúa dispuña nunha marxe de 6 aligustres de pequeno porte e noutra de 9 falsas acacias, situadas a maioría en beirarrúas estreitas, atrancando o paso peonil, e colocados debaixo dos aleiros ou dos balcóns das vivendas de maneira que non podían desenvolverse nin ofrecer sombra. O Concello informa que este arborado foi cortado seguindo criterios técnicos, porque “obviamente non podía continuar nese lugar ao ser incompatíbel coa súa función e coa humanización e a opción de transplante se desbotou pola escasas posibilidades de que prosperase tendo en conta o seu tamaño e porque a clase de árbores carecía dun valor singular. Agora a rúa contará con arborado en condicións, fóra das beirarrúas e separado das fachadas ao ir colocado entre prazas de estacionamento”.

 

O goberno municipal do BNG-PSOE salienta que Ponteareas “malia o seu clima soleado e caluroso no verán, carece de arborado na meirande parte das rúas e, onde existe, foi plantado incorrectamente, baixo balcóns e aleiros, estreitando beirarrúas, levantando baldosas e sen cumprir a súa función ambiental e de sombreado. Agora, este goberno está corrixindo esa grave carecencia cos proxectos de mellora urbana que estamos levando a cabo e que contemplan árbores de grande porte, a distancia correcta das edificacións e sen entorpecer a mobilidade peonil. Así se fixo xa na reforma dun tramo do Paseo Matutino ou na nova praza do Mercado Municipal e así se fará nos proxectos en execución como San Roque ou Rúa Redondela, e nos de inicio inminente como Praza da Bugallal ou complexo deportivo Álvaro Pino”. Neste sentido, o goberno non comparte as críticas pola corta das árbores “porque a alternativa pasaría por deixar a rúa no estado actual. En realidade, substituimos unhas poucas árbores que non cumprían función algunha por 38 novas que as cumprirán, comezando pola función ambiental”.

 

O goberno local tampouco entende as críticas por unha “suposta falta de información. Non podemos admitir que se falte á verdade”, sinala o goberno, “pois en febreiro do pasado ano facilitamos información completa a todas as persoas residentes na rúa e celebramos unha reunión aberta á que tamén asistiron os grupos da oposición e na que a numerosa veciñanza que quixo asistir se pronunciou a favor dunha das dúas dúas opcións que se propuxeron, ademais de formular suxestións que se tiveron en conta no proxecto definitivo. A veciñanza amosouse unanimemente a favor da humanización da rúa e a maioría decantouse pola alternativa que supuña un maior grao de humanización, con dobre sentido de circulación desde a rotonda do Axente Comercial até o cruce coa rúa Pombas e con sentido único desde este cruce até a rotonda da estrada de As Neves”.

 

A rúa experimentará outras melloras como a renovación das conducións soterradas, a instalación de nova iluminación con tecnoloxía led, bancos, papeleiras e outro tipo de mobiliario urbano. O impacto sobre o estacionamento será mínimo ao reducirse só 18 das 90 prazas existentes.

 

O alcalde Xosé Represas sinala que as accións son coherentes coa intención do proxecto de mellorar a calidade de vida da zona, de convertela nun espazo atractivo que promova o paseo e polo tanto sexa o mellor escaparate para comercios e negocios.