A historia de “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” chega en forma de libro a Ponteareas

A sala multiúsos do auditorio municipal acolle o sábado ás 20.30 horas a presentación da obra de Roberto Mera

 

A historia do ponteareán Alejandro Viana ben podía ser a do Schindler galego. Na Europa ocupada polos nazis e perseguido pola Gestapo e a Falange foi quen de sacar a miles de refuxiados españois a América e salvar así as súas vidas. A súa historia será presentada polo seu sobriño – bisneto e concelleiro de Ponteareas, Roberto Mera, en forma de libro este sábado ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas. 

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza “a asistir a esta presentación para coñecer a historia dun ponteareán de película”, e a mercar un libro, publicado pola editorial Belagua Ediciones, no que, en palabras do autor, se relatan “as vivencias do meu tío-bisavó na Guerra Civil, o seu labor humanitario en Francia cos refuxiados e a organización da súa evacuación en barcos a América, as súas vicisitudes para eludir á Gestapo e á Falange trala ocupación nazi e a súa odisea de once meses polo continente africano para chegar a México”, destaca Mera. 

 

A presentación ten entrada de balde ata completar afora e, ademais de Roberto Mera e Fernando Groba, tamén asistirán a avogada e escritora, Isabel Blanco, e a editora, Edurne Baines. 

 

Alejandro Viana foi deputado republicano de esquerdas. Despois da Guerra Civil, no exilio, dirixiu varias organizacións humanitarias, entre elas o Ser­vicio de Evacuación de Refugiados Españoles, nas que organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México.

 

Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando os exiliados até que, acosado pola Falange e a Gestapo, emprendeu en 1941 unha desesperada fuxida. Logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse tempo despois coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra. Morreu en México no 1952.