
O vigués Miguel Martínez fíxose coa vitoria absoluta masculina e na feminina a gañadora foi a andaluza Irene Peinado
Os participantes destacaron a organización da proba e a calidade da auga
Preto de 200 nadadores e nadadoras acudiron o domingo á praia fluvial da Freixa para disputar unha nova edición da Travesía Vila do Tea, unha proba puntuable tanto para o circuíto galego como para a Copa de España de augas abertas, que viviu a súa edición máis multitudinaria.
A proba raíña da travesía, disputada sobre un trazado de 3.600 metros, reuniu, nun cartel de luxo, ás e aos nadadores máis destacados desta disciplina de todo o Estado español e do veciño Portugal.
Na categoría masculina, Miguel Martínez venceu tras unha disputada carreira. Dende o inicio sobresaíron seis nadadores e xogaron o triunfo entre eles. Pero o vigués foi o máis rápido de todos, cruzando a meta cun tempo de 42 minutos e 5 segundos. O segundo posto foi para o portugués Hugo Ribeiro, con 42:10, e o toledano Alberto Martín ocupou a terceira posición do podio cun tempo de 42:16.

Na categoría feminina, a andaluza Irene Peinado impúxose cunha enorme autoridade e foi a sétima de todos os participantes, rexistrando un tempo de 44:09. Na segunda posición clasificouse a asturiana Alba Ortiz de Guinea (46:05) e a terceira foi a ponteareá Iria Lemos, con 46:51, ambas do CN Ponteareas.
Na proba máster, os vencedores foron o coruñés Marcos del Río, con 44:47, e a pontevedresa Rosalía García, que detivo o reloxo en 54:21.
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que seguiu o evento durante toda a xornada, felicitou ao Club Natación Ponteareas pola organización desta travesía e sinala o excelente ambiente que se viviu este domingo. “Foi un auténtico éxito deportivo, que ademais serviu para que moitas persoas de distintas Comunidades descubrisen a contorna da Freixa como un recurso turístico natural de grande valor”.
As e os participantes destacaron a extraordinaria organización da proba, así como o privilexio de poder competir nunha praia fluvial destas características e nunha auga de tan boa calidade.
O circuíto galego Arzúa Ulloa de augas abertas, no que se encadrou esta etapa, finalizará o 17 de setembro coa disputa da etapa final tamén na praia fluvial da Freixa.