A Feira Tradicional dos Remedios volve potenciando a gastronomía, cunha morea de actividades e coa mostra de gando na Feira Vella

Dende as 10.00 h haberá animación, concursos morfolóxicos, demostracións de oficios e postos de venda de alimentación e artesanía. A cita incluirá unha nova edición do Festival Folclórico do Condado

O Concello convida a toda a veciñanza a gozar da feira vestida de época

A Feira Tradicional dos Remedios volve potenciando a gastronomía, cunha morea de actividades e coa mostra de gando na Feira VellaPonteareas regresa esta fin de semana ao século XX coa celebración da 14 Feira Tradicional dos Remedios, que este sábado 10 (de 10.00 a 20.00 h) encherá de vida, música e actividades o parque da Feira Vella, a Praza de Bugallal e as rúas da contorna. Cargada de novidades, a feira recreará un ano máis os mercados que se celebraban a principios do século pasado, polo que o Concello anima a todo o público a que acuda a gozar da feira vestidos de época, como o farán comerciantes ou artesáns.

A xornada arranca pola mañá con música polas rúas do centro histórico de Ponteareas coa actuación de grupos folclóricos en diferentes puntos ao abeiro do XXXV Festival Folclórico do Condado, que volve celebrarse coincidindo coa feira tradicional. Esta animación completarase co cego e o seu guía, que irá movéndose pola feira para levar as súas cantigas de cego á Praza de Bugallal e ás rúas Concha Brey, Constitución, Vidales Tomé e Morales Hidalgo. Centros neurálxicos nos que o público poderá mercar durante todo o día produtos de alimentación e artesanais.

A recreación teatralizada de escenas da vida cotiá a principios do século XX sorprenderá ao público que asista pola tarde a esta nova edición da Feira. Ademais haberá animación co afiador e representación de oficios tradicionais, moitos deles esquecidos.

Por outra banda, esta edición recupera a Feira Vella como epicentro de mostra de gando, promoción de especies autóctonas e concursos morfolóxicos, como o de cabalos de pura raza galega pola mañá ou os de cans de palleiro pola tarde.

Intensa programación na fin de semana

A programación das Festas de Setembro comezan xa esta semana cunha morea de actividades para todos os públicos e gustos. O xoves 8 haberá desfile de xigantes e cabezudos polas rúas da vila a partir das 19.00 h, hora á que haberá tamén concerto dun cuarteto que corda da Orquestra Vigo 430 no Castelo de Sobroso. Ás 21.30 h a Banda de Música A Unión de Guláns dará un concerto na Praza Fernández Vega e ás 22.30 horas haberá verbena na Praza Maior coa Orquestra Miramar.

O venres 9 de setembro a xornada comezará con animación nas rúas ás 17.00 h para dar paso á música de Santi Araújo na Praza Fernández Vega (21.00 h) e da Orquestra La Favorita na Praza Maior (22.30 h). Ese mesmo día arrancará nas pistas da Freixa o XIII Torneo de Tenis Concello de Ponteareas. O sábado, ademais de toda a actividade da Feira Tradicional dos Remedios, tamén haberá actuación da Orquestra Cocktail ás 23.00 h na Praza Maior.

A fin de semana remata o domingo 11 co Trofeo Ciclista Festas de Setembro –  II Gran Premio Borja Gómez Méndez a partir das 10.00 h, tobogán acuático na rúa Braña de 12 a 20 h, animación musical nas rúas dende as 21.00 horas e actuación da Orquestra Pontevedra ás 22.00 h na Praza Maior.