A Feira dos Minerais abrirá as súas portas toda a fin de semanais

O alumnado de Ponteareas acompañado da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, foi o encargado de abrir hoxe a terceira edición da Feira dos Minerais que ata o día 5 de maio estará aberta a todo o público para ofrecer charlas, roteiros e produtos da minería.

Este ano a feira presenta unha novidade da man da concellería de Cultura e Turismo, que dirixe Hortensia Bautista, convidando a toda a veciñanza a participar no roteiro guiado dos minerais “Os xacementos de ouro no Tea” que terá lugar mañá sábado día 4 de maio a partir das 16:30 horas. 

A visita a este castro mineiro estará guiada polo xeólogo e enxeñeiro de minas Óscar Pazos que ao logo da beira do río Tea amosará os vestixios  da minería de ouro secundaria galaico romana, e dará á coñecer como se traballaba na época na que os romanos integraron Gallaecia no imperio romano. 

Para chegar a un maior número de participantes ofrece dúas alternativas. A primeira delas é a andaina ao Castro da Croa en Ribadetea con saída ás 16:30 horas dende a ponte de San Roque e regreso a Ponteareas. A segunda opción é coller o autobús que o concello ofrece de balde para todas as persoas con mobilidade reducida ás 17:15 horas no auditorio municipal ata o Castro de Croa. Ás 19:15 horas partirán desde A Croa ata a Feira dos Minerais de Guláns para visitala e logo regresar en autobús.

Os e as interesadas deberán inscribirse no teléfono 986 660 765 ou no enderezo electrónico turismo@ponteareas.es

Minerais, fósiles e xoiería son algúns dos materiais que poderán observar e mercar os participantes na Feira dos Minerais que estará aberta de 10:00 horas a 21:00 horas no centro cultural de Guláns totalmente de balde.

Ao longo destes tres dias haberá obradoiros a diario como o de bateo de ouro e o de xoiería impartido pola Escola de Xoiería Atlántico ou o de identificación de minerais; tamén ofrecerán a charla  sobre a explotación do ouro no río Miño impartida por María Modino directora de caldiade de Áridos do Mendo. A concellería de Ensino programou a visita do alumnado dos centros educativos que se trasladarán en autobús á feira. 

A organización agradece a colaboración da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxia da Universidade de Vigo e convida a toda a veciñanza a participar nas distintas propostas.

A concelleira de Ensino e Participación Cidadá, Cristina Fernández, anima a toda a veciñanza e familias a visitar a feira na que poden participar todos os públicos ao ofrecer tanto actividades didácticas como lúdicas nos máis de 60 metros cadrados de exposición.

Ofrecer variedade formativa e que a cidadanía e, sobre todo a mocidade, poida descubrir sectores diferentes e temáticas científicas sorprendentes é un dos obxectivos desta concellería que aposta pola participación en cada unha das actividades programadas.